Celebración do envío

Curso 2008-2009

IDE E ANUNCIADE: OUTRO MUNDO É POSIBLE.

MONICIÓN DE ENTRADA

Hoxe é un día especial. É o día que celebramos a inauguración do curso de catequese: o día do envío dos catequistas.

Pero qué significa isto para nós? Gustaríame que fixésemos as seguintes reflexións:
- É só algo que afecta ós catequistas e ó párroco da Parroquia?
- Que papel xogamos os país, avós, a familia e a comunidade como evanxelizadores?
- Sentímonos interpelados pola chamada de Deus?

Non podemos illarnos e deixar só nas mans dos catequistas a tarefa evanxelizadora. Debemos compartir a experiencia de amor do Deus resucitado, na nosa casa, entre a nosa familia e coa nosa comunidade. Temos que ser testemuñas e guías de vida cos demais.

Tal como fixo Xesús cos apóstolos, Deus chámanos a cada un de nós polo noso nome para ser persoas transformadoras dun mundo novo. Compartindo e vivindo esta experiencia sentiremos a súa chamada:

¡¡¡ IDE e ANUNCIADE: OUTRO MUNDO É POSIBLE!!!


MONICIÓN PRIMEIRA LECTURA

San Pablo ten un discípulo a quen lle quere moito, chamado Timoteo, que o acompaña nos distintos momentos da evanxelización polos distintos pobos.
Escoitemos o que lle di San Pablo a Timoteo, nun momento en que está a punto de terminar a súa tarefa de evanxelizador.
(2 Timoteo, 4 ,1-5)

MONICIÓN EVANXEO

Hoxe lembramos a chamada que Xesús fixo fai 2000 anos, a un grupo de veciños, xente sinxela, do pobo.
Hoxe en Fontiñas Xesús chámanos a cada un de nós polo noso nome e invítanos a mellorar ao seu carón o mundo.
(Mateo, 10, 1-3)

HOMILÍA

Fai 2000 anos Xesús precisou axuda para mellorar e transformar a sociedade na que lle tocou vivir. Hoxe chámanos aquí en Fontiñas. Hoxe é o día do envío: ¿Que quere dicir “si” a súa chamada?

Faise a chamada que fixo Xesús aos seus Apóstolos e a cada nome de cada Apóstolo vanse presentando no altar dos representantes dos grupos parroquiais)

(Pedro) Ricardo : digo “si” a compartir o meu tempo con vos, a camiñar ao voso lado buscando cada día ao Deus Amor, a Xesús e ao Espírito, a súa forza; a reflexionar durante a semana a Palabra de Deus do domingo e compartir o que me suxire e ao que me chama.

(Andrés) Pais e avós: dicimos “si” dende a familia, dando o noso testemuño.

(Santiago–Zebedeo)Adultos: dicimos “si” dende o camiño a construír comunidades de vida.

(Juan) Maiores: dicimos “si” dende a sabedoría que nos aporta a experiencia da vida.

(Felipe) Mozos e nenos: dicimos “si” dende a esperanza e a ilusión dun libro por escribir.

(Bartolomé) Catequistas: dicimos “si” dende a acollida, o acompañamento, a búsquela e as vivencias cos nenos, mozos e adultos da nosa catequese.

(Tomás) Cáritas e economía: dicimos “si” dende o encontro co irmán mais só, máis necesitado, máis marxinado e máis esquecido.
Dicimos “si” dende a xestión dos nosos recursos: os recursos de todos.

(Mateo) Mulleres: dicimos “si” dende o esforzo por reunirnos e descubrirnos e valorarnos a nós mesmas como persoas que constrúen a súa propia vida e forman parte esencial da sociedade e da Igrexa.

(Santiago –Alfeo) Limpeza e Elías: dicimos “si” dende as atencións e coidados a esta casa de todos nós.

(Tadeo) Liturxia e coro: dicimos “si” dende a proclamación, celebración e festividade da Palabra.

(Simón) Cofradía e revista: dicimos “si” dende a renuncia, coma o noso San Antón a todo o superfluo e a elección de unha vida sinxela e adicada aos demais.

(Judas) CPP: dicimos “si” dende a tarefa dinamizadora da nosa Parroquia.Todos somos chamados, todos somos enviados, todos somos construtores dun novo mundo.

ORACIÓN DOS FIEIS

Todos atentos á chamada do noso Deus: Él conta con nós para facer un mundo máis humano e espera que sexamos capaces de aceptar aos que son distintos a nós non diferenciando entre razas, relixións, ideoloxías ou xénero, por iso dicimos: Señor aquí nos tes.

É importante ser sensibles ás necesidades dos que están ao noso carón e dedicarnos uns aos outros coa entrega e sinxeleza que nos enxeñou Xesús.
Señor aquí nos tes.

No silencio podemos escoitar a dor do noso mundo que tanto precisa dos nosos coidados e protección, agradecidos por toda a beleza que o noso Creador puxo ao noso alcance.
Señor aquí nos tes.

Dende a nosa Parroquia todos nós podemos ser creadores de ambientes de paz e concordia e amarnos como Xesús o fixo.
Señor aquí nos tes.

Os Pastores da Igrexa ó noso lado para traballar por un mundo onde o amor ó próximo este por encima de calquera outro interese e saibamos xuntos comprometernos coa labor que Xesús e os seus seguidores comezaron e queremos continuar.
Señor aquí nos tes.

Os nosos familiares, as amigas e amigos, os compañeiros e veciños dan sentido ás nosas vidas e ahí andamos todos a compartir os momentos de alegría e tamén de tristura, as tarefas de cada día, a nosa fe en Deus Pai e Nai.
Señor aquí nos tes.

Os catequistas, animadores e educadores da fe precisan de toda a comunidade para levar a cabo a súa tarefa ó longo do curso que hoxe comenza.
Señor aquí nos tes.

OFERTORIO

Presentámosche, Señor, todos estes utensilios para construír unha nova casa. Unha casa de todos e para todas. Detrás están as nosas mans: as mans dos nenos e das nenas, as dos adultos, as dos maiores, as mans de Rocío, de Raquel, de Moises, de Xavier di; entendes ben, as de todas nós.
Non nos han de faltar folgos. Ti dásnolas forzas baixo as especies do pan e do viño. Será unha casa viva e doadora de vida, porque grazas a ti sabemos que OUTRO MUNDO É POSIBLE.

O equipo de Liturxia asume e implícase en todo isto para que entre todas se poida levar a cabo. Ofrecemos o pan, o viño, ladrillos, sementes, auga, tesoiras, paleta, cubo o necesario para “ construír un mundo mellor”.

ACCIÓN DE GRAZAS

Damos grazas por esta celebración. Damos grazas por todas as persoas que durante a nosa vida nos foron transmitindo a fe coa súa palabra e máis co seu exemplo. Damos grazas a Deus porque nos chama e confiando en nós, envíanos a ofrecer ós nenos, ós mozos, ós adultos e ós da nosa idade o regalo da fe. Damos grazas a Deus e a todos os que, a pesares da nosa idade, nos axudan a descubrir e crer que outro mundo é posible.

O ENVIO

Estes homes e mulleres son os depositarios da confianza da comunidade para axudarnos na formación, educación e vivencia da fe de nenos, mozos e adultos. Démoslles a benvida e as grazas por atendela chamada e poñerse ao servizo de todos.

DESPEDIDA

Coa entrega da programación do curso invitámosvos a un compromiso coa nosa Parroquia. O compromiso de poñer as vosas mans e o voso esforzo para ir facendo unha comunidade máis preta, aberta, xusta e solidaria. Antes de despedirnos podemos coller as mans do que temos ao noso lado ou mirarlle aos ollos e dicirlle: “aquí me tes para o que necesites” o despedirnos simplemente con un abrazo que simboliza todo o anterior, desexándonos ter un bo curso en harmonía e paz.

San Antonio de Fontiñas 5 de outubro de 2008